Faro de Fisterra

O Camiño do Conde comeza no punto onde finaliza O Camiño dos Faros, na bota do Faro de Fisterra. A visión da posta de sol engulido polo mar levou ao xeneral romano Décimo Xuño Bruto a denominar estas terras Finis Terrae, o lugar onde se acababa a terra.

Aos nosos pés, a inmensidade do Oceáno Atlántico é percorrida por miles de embarcacións que día a día cruzan este corredor marítimo.

Tralas queixas do goberno británico polo naufraxio do Great Liverpool o Faro de Fisterra, de primeira orde, foi construído en 1853 para sinalizar este punto xeográfico clave na navegación. A torre octogonal de cantería mide 17 metros e a súa lanterna, situada 138 metros sobre o nivel do mar, alcanza máis de 30 millas náuticas. Orixinalmente funcionaba con lámpadas de aceite, cambiándose posteriormente a lámpadas de incandescencia, que emiten un destello cada 5 segundos.

A constante néboa do inverno provocou que se lle engadise un edificio anexo cunha sirena en 1889, a Vaca de Fisterra, para avisar aos navegantes do perigo existente. Ata fai moi pouco, en días pechados de néboa, emitía un son grave que se podía escoitar a máis de vinte millas. Agora mesmo non está en funcionamento.

En 1922 instálase un radiofaro, estación emisora que envíaba continuamente sinais que axudaban á navegación marítima e aérea, facendo posible orientarse mesmo en días pechados de néboa. O faro electrificouse en 1931, chegando a luz a unha distancia máxima de 31 millas.

Na actualidade, todo está automatizado e seguido mediante satélites: a tecnoloxía GPS e o AIS xubilou aos últimos torreiros da Costa da Morte.

Á beira do faro podemos ver o edificio do Semáforo, construído en 1879 para comunicar o tráfico marítimo, dar parte meteorolóxico ou emitir mensaxes mediante un xogo de bandeiras, utilizando o Código Internacional dos Sinais. Estivo activo ata 1969. Na actualidade, despois dunha rehabilitación, é un pequeno e curioso hotel no fin da terra.

O conxunto complétase coa estación telegráfica Marconi, inaugurada en 1916 no Monte do Facho cun alcance de ata 400 Km. Na I Guerra Mundial existía tamén unha estación clandestina para apoiar aos submarinos alemáns.

Durante as dúas grandes guerras e debido á súa estratéxica situación, estes mares arredor do Cabo Fisterra foron o centro da guerra submarina. Submarinos que se refuxiaban na ría á espera do botín ou que se achegaban a terra para aprovisionarse, o que provocou o nacemento na zona de toda unha rede de espionaxe e contraespionaxe.

En canto a naufraxios nas proximidades do cabo, ademais da Armada de Padilla da que falaremos no seu momento, destaca o do cruceiro Blas de Lezo que, durante unhas manobras navais en 1932 quixo atravesar a canle que separa o illote Centolo da terra, chocando con dúas agullas que non aparecían marcadas nos mapas.

Se miramos para o sur, toda a Ría de Corcubión, as illas da Lobeira e o impoñente Monte Pindo completan este miradoiro natural. Aquí comezamos este Camiño do Conde que nos levará polo interior da Costa da Morte nun percorrido histórico e etnográfico que é un viaxe no tempo.

Facebook
Twitter
LinkedIn