Antes da chegada do Imperio Romano, os galaicos habitaban estas terras do noroeste peninsular. No ano 218 a.C. os romanos desembarcan en Ampurias comezando un período de conquista que finalizará coas guerras cántabras no ano 19 a.C.
Unha vez conquistado a área mediterránea e creadas as provincias da Hispania Citerior e Ulterior, desde esta última inícianse as conquistas dos lusitanos primeiro e os galaicos despois. No ano 138 a.C Décimo Junio Bruto ‘O Galaico’ introdúcese na Lusitania, arrasando cidades e todo o que se atopa ao seu paso ata chegar ao río Lethes (Limia), o río do esquecemento, onde os soldados crían que se o cruzaban perderían toda a memoría. Décimo Junio Bruto cruzou en solitario o río e, dende a outra beira, chamou a cada un dos soldados polo seu nome, demostrando así que non perdera a memoria e que podían continuar a campaña como estaba prevista.
Despois de atravesar o Lethes atravesaron o Miño e derrotaron aos brácaros e galaicos que formaran un exército de 60000 homes, chegando ata o Finis Terrae, o fin da terra, onde os soldados romanos viron con asombro e terror como se poñía o sol no mar.
Esta primeira incursión foi curta e os romanos volveron para as súas terras da Hispania Ulterior. Posteriormente, no ano 60 a.C, é o xeneral Julio César o que, partindo coas súas naves desde Cádiz desembarque en Brigantium (o actual Betanzos) e dende aquí comeza unha campaña de acordos cos pobos existentes, sometendo aos que non aceptaban a conquista romana.
Este proceso de romanización foi paulatino e o territorio pertenceu primeiro á Lusitania e despois á Tarraconensis. É no século III cando se constitúe a Gallaecia, dividida en tres demarcacións: bracarense (Braga), lucense (Lugo) e asturicense (Astorga). O latín foi substituíndo ás linguas anteriores, aparecen as vilas romanas e a explotación das minas de ouro convértense nun importante recurso para o mantemento do imperio. Coas lexións romanas chega tamén o cristianismo.
Da conquista romana e os seus cronistas posteriores quédanos varios elementos cuxa localización, a falta de evidencias arqueolóxicas, leva a distintas interpretacións.
- O Promontorium Nerium - Os escritores clásicos gregos e romanos nunca estiveron nesta zona e contaban coas informacións que lle chegaban doutros viaxeiros e, de aí, a pouca precisión na colocación dalgúns puntos e mesmo a existencia de contradicións entre eles. A historia clásica dinos que o Promontorium Nerium é o Cabo de Fisterra, que outros estudos sitúan en diferentes puntos da xeografía da Costa da Morte.
- O Ara Solis - Segundo contan as lendas, ao chegar os romanos atopáronse co altar que os fenicios dedicaban ao sol: o Ara Solis, formado por 4 columnas e unha cúpula. As lendas sitúana no Monte do Facho onde posteriormente construiríase a ermida de San Guilherme, pero existen tamén controversias sobre a súa localización.
- As Aras Sestianas - Construídas como homenaxe ao Emperador Augusto por Lucio Sesto ao finalizar as guerras cántabras. Cada autor sitúaas nun emprazamento distinto: Cabo Touriñan (Mela e Plinio), as Illas Sisargas, a costa norte da Coruña (Ptolomeo) e a costa Astur (Mela).
- A Vía XX (Per Loca Marítima) - Tamén neste caso existen varias interpretacións. Nunha destas teorías iría polo camiño natural Tui-Malpica, cruzando o Río Tambre á altura de Portomouro mentres que noutras cruzaría o Tambre por Ponte Maceira e o Xallas por Brandomil para chegar a estas terras do Finis Terrae.Como vedes, ábrense moitas portas que futuros descubrimentos poderán ir pechando (ou non).
O que sí está claro é que os romanos, primeiro con Décimo Junio Bruto e despois con Julio César, conseguiron anexionar ao seu imperio estas terras afastadas do Finis Terrae comezando o que se chama a romanización, que durou aproximadamente cinco séculos.
Teoría Promontorium Nerium en Nariga (de Suso Lista) - https://www.quepasanacosta.gal/articulo/malpica/nerigha-nerium/20220415120747135345.html