Xenealoxía

No apartado xenealóxico imos precisar moito a axuda de especialistas, porque temos datos moi interesantes que cremos son inéditos. Xa que a única maneira de comprobar se estes datos son correctos  é publicalos, iso é o que faremos.

Encantaríanos poñernos en contacto con Eduardo Pardo de Guevara que, ata hai ben pouco, dirixía o mellor equipo de historiadores e xenealoxistas para o estudo da Idade Media. As súas publicacións axudáronnos moito no momento de crear a base principal da que medrou a árbore. Ademais de todo o seu traballo, tamén utilizamos con coidado o portal PARES, xenealoxia.org e, para as últimas xeracións, a hemeroteca da Voz de Galicia.

Qué fixemos? Debido ao noso descoñecemento inicial do tema medieval, creamos unha árbore xenealóxica coas principais familias fidalgas de Galicia e da comarca, máis que nada para asimilalas e ver en formato de árbore como se unían as distintas familias, etc. Pero acabámonos liando 😉 e agora mesmo temos miles de individuos nunha árbore que dará moitas sorpresas.

En todo caso, tampouco somos xenealoxistas. Son eles os que fan a investigación e os seus datos publicados son os que tomamos como base para a nosa árbore. Pode haber erros, sen dúbida, pero cremos que o traballo está feito con suficiente rigor. Verificaremos a súa veracidade a medida que imos publicando e así o confirmen quenes saben.