Bibliografía e Referentes

Para facer este traballo lemos moita documentación e aprendemos moitísimas cousas que descoñeciamos ou que, se coñeciamos, nunca lle prestabamos a suficiente atención.

A idea era facer un camiño de volta dende o Faro Fisterra a Malpica, que complementase O Camiño dos Faros e que lle dese a oportunidade aos senderistas de coñecer unhas poboacións e uns contidos moi diferentes. Pero coma sempre que se fai algo nesta bendita Costa da Morte, aos poucos iámonos dando conta de que o roteiro tiña unha entidade propia nunha comarca con moita historia e que se nos presenta en cada esquina do percorrido.

Lemos case todo de Xosé María Lema Suárez, unha auténtica enciclopedia da comarca e, sobre todo, de Soneira. A magnitude e calidade dos seus traballos aseguran uns coñecementos históricos que poñen en valor como ninguén todo o patrimonio material e inmaterial existente.

Xunto a el todas as publicacións do SEMESCOM (Seminario de Estudos da Costa da Morte) e do Instituto de Estudos Bergantiñáns ofrécennos os mellores contidos de cada unha das parroquias.

Parga Pondal, Rafael Lema, Xan Fernandez, Xelucho Abella, Luís Giadás, Alejandro Lamas, Luís Lamela, Francisco Mayán, Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez, Roberto Mouzo, Manolo Vilar, Rodrigo Pousa, Vidal Romaní, Xosé Manuel Varela, Suso Lista, Victor Castiñeiras, Manuel Rial, Tania Carreira, Gabriel Satti, Manuel Gago, Paulino Castiñeiras e moitos outros que seguro nos esquecemos teñen amplísimos traballos sobre cada un dos lugares da comarca, que nós tomamos como referencia de cabeceira. Desde aquí convidámolos a sumarse a este proxecto e a corrixir o que consideren oportuno.

Tamén as publicacións dos concellos, moitas delas realizadas polos anteriores historiadores, servíronnos de base de coñecemento. E, como non, tamén utilizamos a Wikipedia, que nos aclara moi ben algúns dos conceptos xerais, os cadernos de Nalgures, a web de patrimoniogalego ou as reportaxes locais de La Voz de Galicia.

Distintos podcasts, reportaxes e conferencias sobre a Idade Media con grandes especialistas como Anselmo López Carreira, Carlos Baliñas, Eduardo Pardo de Guevara, Carlos Barros, Mariña Bermúdez, Xosé Miguel Andrade, Carlos Lixó ou Carlos Galbán axudáronnos a comprender aquela época. E o programa Os Castelos da TVG deunos un resumo perfecto e moi visual que vos pode valer de introdución antes de facer o roteiro.

O que pretendemos é contarche dunha maneira amena sinxela todo o que vas atopando neste Camiño do Conde. Ten en conta que nós non somos nin escritores nin historiadores, o único que sabemos é como nos gustaría que nos contasen a nós unha historia dentro dun roteiro.

XENEALOXÍA

No apartado xenealóxico sí que imos necesitar e moito a axuda dos especialistas, porque temos datos moi interesantes que cremos que son inéditos. Como a única maneira que temos de corroborar se estes datos están ben ou mal é publicándoos, iso faremos.

Encantaríanos poñernos en contacto con Eduardo Pardo de Guevara que, ata fai moi pouco, liderou ao mellor equipo de historiadores e xenealoxistas para o estudo da Idade Media. As súas publicacións axudáronnos moito a crear a base principal desde a que foi crecendo a árbore. Ademais de todos os seus traballos utilizamos tamén con moito coidado o PARES, o portal xenealoxia.org e, para as últimas xeracións, a hemeroteca da Voz de Galicia.

Que foi o que fixemos? Debido ao noso descoñecemento inicial do tema medieval, creamos unha árbore xenealóxica coas principais familias nobres de Galicia e da comarca, máis que nada para ilas asimilando e ver en formato árbore como se unían as distintas familias, etc. Pero acabámonos liando e agora mesmo temos miles de individuos nunha árbore que vos vai dar moitas sorpresas.

En todo caso tampouco somos xenealoxistas. Eles son os que investigan e os seus datos publicados son os que tomamos como base para a nosa árbore. Pode haber erros, sen dúbida, pero cremos que o traballo está feito con bastante rigorosidade. Comprobaremos a súa veracidade segundo vaiamos publicando e segundo os que saben disto vaian confirmando.