O carboneo en Corcubión

Aquí en Quenxe imos facer un das nosas viaxes no tempo, a principios do século XX, cando este porto era o principal subministrador de carbón do noroeste. Barcos carboeiros apostábanse no medio da ría para fornecer do combustible necesario a embarcacións de todo o mundo.

Xa dixemos máis veces que somos a periferia da periferia pero que, no tráfico marítimo, somos o centro do mundo. Calquera singradura entre Europa e as súas colonias do sur pasaba irremediablemente polo Cabo Finisterre, punto de referencia en todas as cartas mariñas. E a Ría de Corcubión, o refuxio perfecto para resgardarse.

Coa chegada do vapor, ese tráfico marítimo multiplicouse e a necesidade de combustible para mover esas máquinas levou a Plácido Castro Rivas a instalar, en 1902, o primeiro depósito flotante de carbón enfronte da praia de Quenxe. Dous anos despois instálanse outros dous promovidos pola familia Miñones na zona da Viña e en Boca do Sapo. En dúas décadas instálanse case unha decena deses depósitos convertendo a Corcubión nunha estación crave do noroeste, só comparable ás de Bilbao e Xibraltar.

Os barcos entraban pola ría, atracaban no pontón e fornecíanse de carbón para as súas travesías. Nos períodos de maior movemento chegaban ao ano 300 ou 400 vapores de todo o mundo que enchían a ría e, aproveitando a parada, enchían de vida o pobo.

Esta industria do carboneo empezou a decaer coa Guerra Civil primeiro e a segunda Guerra Mundial despois. A falta de barcos estranxeiros e a desaparición da máquina de vapor provocaron o despezamento de todos eses pontones e o peche da Compañía General de Carbones, que marcaba o final dunha época.

Hoxe podemos ver xusto onde empeza o paseo de Quenxe a nave da antiga Compañía General de Carbones que, posteriormente e ata fai relativamente pouco, albergou o Museo marítimo Seo de Corcubión.

Facebook
Twitter
LinkedIn