A industria da salgadura

Do mesmo xeito que o resto da costa galega, a chegada dos fomentadores cataláns a principios do século XIX cambiou o antigo método de conservación da sardiña. A partir de 1820 empézanse a instalar na zona de Quenxe as primeiras familias (Xampén, Pou, Arau, Pijoan) que, posteriormente, son adquiridas polo muxián Francisco do Río Osorio en 1870.

Aínda que o asentamento foi en xeral pacífico, a introdución na pesca da xávega entraba en conflito coas antigas e menos eficientes artes dos mariñeiros locais que, en varios momentos, tiveron que utilizar a forza para defender os seus intereses.

No ano 1904 existían no distrito de Corcubión 22 fábricas de salgadura e 2 de conservas, pero as capturas de sardiña pasaron de 116 toneladas en 1845 a 28 toneladas en 1920. As condicións das nosas costas non eran as mesmas que as das Rías Baixas, onde existían moitas máis fábricas e consolidáronse grandes factorías, que chegan ata os nosos días.

En 1901 e nunha aposta bastante arriscada, Plácido Castro Rivas instalou en Quenxe o edificio que hoxe véis na praia de Quenxe e que, aos poucos anos, reconverteu nun almacén de carbón. Pero esa é outra historia…

Facebook
Twitter
LinkedIn