Despois de atravesar un pinar chegamos a Sardiñeiro. O topónimo pode facer referencia a un lugar abundante en sardiñas ou á comercialización deste peixe que puideron facer os seus primeiros poboadores. A principios do século XX Andrés Cerdeiras abriu unha fábrica de salgadura que pechou en 1965 e que, xunto a unha pequena madeireira eran as industrias que daban de comer aos veciños.
Noutra historia da emigración Manuel Marcote Lestón marchou para Arxentina e abriu varios negocios de cafeterías. Unha vez aforrado o suficiente volveu para Sardiñeiro e abriu coa súa muller María Suárez o Restaurante Casa Lestón en 1917, que tamén facía de tenda de ultramarinos. Desde entón, catro xeracións soubérono xestionar ofrecendo unha comida caseira de calidade ata o día de hoxe, nun restaurante familiar e o único centenario da Costa da Morte.
Un personaxe contemporáneo e moi interesante é Pepe de Olegario, un auténtico buscador de pecios por toda a costa de Galicia e Portugal. Nacido en Sardiñeiro en 1941, aos 14 anos xa comezou a ir ao mar en busca do cobizado mero, que habita normalmente nas profundidades buscando refuxios onde apenas hai rocas.
Pepe deuse conta moi pronto de que onde había un barco naufragado era sinónimo de boa marea e pescaba máis meros que ninguén. Os compañeiros que faenaban en toda a costa avisábano cando as redes enganchábanse nalgún obxecto no fondo. E así foi como, sen GPS, empezou a rexistrar todos eses puntos e a investigar sobre a historia de cada un dos naufraxios, construíndo unhas espectaculares cartas mariñas.