Un dos episodios históricos que non se poden borrar da memoria colectiva por ser especialmente tráxico foi o ataque do exército francés en 1809 durante a Guerra da Independencia que arrasou as poboacións de Corcubión e Cee, obrigando á emigración a moitos dos seus habitantes. Este é un resumo dos feitos segundo Alejandro Lamas, historiador corcubionés.
A finais de xaneiro de 1809, máis dun centenar de soldados franceses chegan a Corcubión, esixindo que se lles entregue diñeiro ademais de carne, pan e viño para a tropa e cebada para os cabalos. Con altanería e desprezo, entraban ao seu antoxo nas casa dos veciños, que nada podían facer perante tal abuso. Despois de varias incursións os franceses volvían ao seu cuartel xeral en Santiago.
Mentres tanto, e seguindo as instrucións recibidas polo Marqués da Romana, constitúese a Xunta de Defensa de Corcubión, onde os curas do Ezaro e Morquintián e algún ex-soldado con experiencia militar toman o mando. Ordénase a construción de catro lanchas cañoneras pero a falta de armamento é notable para facer fronte a dita empresa. No antigo hospital, que facía as veces de polvorín, gardáronse cartuchos e barrís de pólvora. A Xunta ordena crear a alarma fóra da poboación para, no caso de derrota, evitar a súa destrución. Así, o groso dos voluntarios, uns 3000, dirixíronse a Bermún (Pereiriña), por onde esperaban que entrasen os franceses e onde construíron un pequeno campo de instrución.
Mentres tanto o mariño Antonio Leira consegue abordar a dúas fragatas inglesas á altura do Cabo Finisterre, solicitándolle axuda loxística e militar para poder botar aos franceses da comarca. Os ingleses atenden a petición e, ademáis de entregar 3400 fusís e outras armas, acceden a entrar coa fragata Endymion na ría, onde son recibidos polos veciños con gran alegría. O verse armados envalentona á poboación e o fervor patriótico. Tanto é así que, ante unha nova petición de millo, viño e diñeiro polos franceses, a Xunta respóndelles: “Que veñan eles a buscalo”. Tras isto, o desastre estaba servido.
Pero os franceses non viñan desde Coruña senón que o facían polo camiño de Santiago cruzando Ponche Olveira sen demasiada oposición e aparecendo uns 900, aproximadamente, o 13 de Abril de 1809, polo Monte de Armada, ese que vemos enriba de Cee. A diferenza entre un dos mellores exércitos de Europa do momento e unha alarma malamente organizada era significativa e, aínda que por momentos ofrecen resistencia, os franceses seguen avanzando. Chegado o momento, a estampida guerrilleira é xeral, escapando uns cara ao monte e outros conseguen embarcar nas lanchas cañoneiras de Barruti.
O saldo desta primeira incursión foi de 186 casas destruídas en Corcubión, outras tantas en Cee e as dúas igrexas desvalixadas e destruídos os seus arquivos. Mais en toda a comarca dábase por feito que volverían para arrestar aos xefes da rebelión e, se se poñía ao alcance, facerse coa fragata inglesa que seguía na ría. E así foi.
O 21 de Abril volvía aparecer polo Monte da Armada un milleiro de franceses avanzando con toda rapidez e dividíndose en dúas columnas, unha que se dirixiu a Cee e outra que foi directamente cara a Corcubión e comezou a disparar contra as lanchas cañoneiras, dándose o sinal de retirada porque xa nada había que salvar senón a vida.
A fragata inglesa conseguira escapar e os invasores ensañáronse coas dúas poboacións, na que non deixaron pedra sobre pedra, incendiando tamén o polvorín que estaba situado no vello hospital. A catástrofe puido ser moito maior xa que toda a munición púidose salvar das chamaradas grazas ao anzo dos veciños, que evitaron unha explosión que fose catastrófica.
O resto da historia xa a sabedes. O 9 de xuño dese ano, na batalla de Ponte Sampaio, as tropas de Cachamuiña conseguen unha vitoria que expulsa definitivamente aos franceses de Galicia.
Semellante destrución e as posteriores epidemias durante todo o século XIX deixaron sen recursos aos dous pobos durante os seguintes anos, obrigando a emigrar a moitos dos seus veciños, sobre todo, a Sudamérica.