Rúas de Corcubión

Desde San Marcos seguimos á nosa esquerda para deixarnos levar un pouco polas rúas de Corcubión.

Aínda que non existe documentación que o corrobore, o nome do Campo do Rolo vén porque era o lugar onde os representantes do Conde de Altamira, desde a instauración como señorío en 1480, castigaban fisicamente os delitos. Aquí estaría situado o rolo, unha columna de pedra que representaba o poder dos señores sobre os seus vasallos e servos.

Moi preto do Campo do Rolo podemos ver o Pazo de Leira. Antonio de Leira e Castro foi un home de negocios, alcalde de Corcubión e vicecónsul de Inglaterra en Corcubión, o que vos pode dar unha idea da importancia estratéxica, militar e mercantil que tiña este porto na segunda metade do século XVIII, sobre todo cos británicos, que mantiñan unha función comercial moi importante.

Despois de desempeñar durante dous anos o cargo de vicecónsul de Inglaterra en Corcubión, asumiu o oficio de Rexedor Perpetuo da Villa, nomeado por Vicente Osorio de Moscoso, o Conde de Altamira e construíu, en 1771, este pazo barroco que hoxe podemos ver bastante modificado. Na fachada destaca o escudo onde, no seu momento, aparecían as armas dos Leira e dos Castro.

Pero a vida e as relacións con Inglaterra foron cambiando e, en xaneiro de 1800, recibiu de Carlos IV a primeira patente de corso para abordar aos agora inimigos de España, os ingleses e os seus aliados, os portugueses.

En 1809, 9 anos despois, durante a guerra da Independencia, Antonio de Leira formou parte da Xunta de Defensa. Os franceses arrasaron a súa casa, puxeron prezo á súa cabeza e a familia tivo que fuxir na fragata inglesa Endymion (os agora aliados) a Vigo. Só volveu a Corcubión para vender as ruínas do seu pazo.

Facebook
Twitter
LinkedIn