O paseo pola praia de Langosteira é un luxo que non nos podiamos perder neste camiño. Nos seus case 2 quilómetros de extensión alberga recunchos que son unha gozada para os sentidos. Se optamos polo paseo podemos ver as dunas como se van consolidando, permitindo a multitude de aves gozar do espazo. Se nos achegamos á beira, gozaremos dun mar de augas tranquilas e cristalinas. A súa riqueza marisqueira queda reflectida na gran cantidade de restos de cunchas que vemos. Es capaz de distinguir todos os tipos de moluscos bivalvos que ves?
Ao principio da praia podemos ver unha antiga fábrica de salgadura, reconvertida nun dos restaurantes con máis soleira da zona: o Tira do Cordel. Coa chegada dos fomentadores cataláns instaláronse a finais do século XIX as primeiras salgaduras, que chegarían a poboar toda a ría.
Aquí na Praia de Langosteira tivo lugar en 1943, durante a segunda Guerra Mundial, a amerizaxe dunha aeronave americana alcanzada polo lume inimigo, que foi perdendo altura ata afundirse moi preto da costa. No interior, o corpo sen vida dun oficial, mentres o resto dos 9 tripulantes, moitos deles feridos de bala, foron rescatados por pescadores locais.
Así chegamos á parte final do areal, a denominada Praia de Calcoba, nunha contorna que convida ao relax, rodeado de piñeirais e co maxestoso Monte Pindo enfronte. Un monte que na antigüidade seguramente foi unha gran fortaleza e refuxio #ante as grandes invasións e que, como di Manuel Gago, ten aínda moito que contarnos.