Naufraxio da Segunda Armada Invencible nas costas de Fisterra

Aquí, nas proximidades de Cabo Finisterre, tivo lugar o naufraxio con máis barcos implicados e máis vítimas da historia de Galicia. En 1596, oito anos despois do desastre da primeira Armada Invencible e tras varias tempadas de saqueos británicos das nosas costas, Felipe II manda partir a Segunda Armada Invencible para axudar aos rebeldes irlandeses na rebelión contra a coroa inglesa

Desde Cádiz, Sevilla e Lisboa parten galeóns e outras embarcacións menores formando unha frota de máis de 100 barcos entre españois, italianos, franceses e irlandeses, comandada por Martín de Padilla, Adiantado Maior de Castela e Capitán xeral do mar Océano.

Na noite do 28 de outubro de 1596, fronte a estas costas, sorpréndelles un forte temporal que acaba con 25 barcos afundidos. O desastre é total: 1706 tripulantes daquelas naves quedaron para sempre sepultados neste mar que sempre manda. O número de vítimas (Santiago de SM (307 mortos), Nave Anunciada (243), Angel Gabriel de Paulo Veira (174), David de Pedro Frías (163)) dannos unha idea da magnitude da traxedia. O resto das naves foron aparecendo en portos por todo o norte ata Biscaia.

Varios dos pecios están localizados nesta ría. En Sardiñeiro está o Santissima Annunziata e na Punta do Diñeiro de Corcubión o San Girolamo, que foron obxecto nos últimos anos de numerosas expedicións científicas. Documentáronse pezas de artillería de ferro e bronce, armas como arcabuces e espadas, munición de ferro e chumbo e instrumental médico como unhas xiringas cirúrxicas.

Facebook
Twitter
LinkedIn