Fernando Blanco de Lema: emigrante e filántropo

Fernando Blanco de Lema naceu en Cee en 1796, sendo criado por un padriño, cura de Mazaricos, ao que matan as tropas francesas no 1809. Este feito, sumado ás continuas epidemias que arrasaron a zona durante ese século XIX, provoca que aos 13 anos Fernando Blanco emigre a Cuba.

Comezou como dependente dun ultramarinos e, en pouco tempo, xa era dono dunha cadea de ferraxerías que serían a base da súa fortuna. Nas súas cartas podemos ver o perfil da personaxe: home afectuoso e preocupado polos seus parentes máis desfavorecidos e a terra que o vió nacer.

Pouco antes de morrer, en 1875, redactou o testamento. Nel declara estar solteiro e sen fillos, decidindo empregar a súa fortuna de 750.000 pesos de ouro na construción e mantemento dun Colexio de Primeiro e Segundo Ensino na súa vila natal. Fernando Blanco morreu en Cuba, repousando as súas cinzas na capela do Colexio que mandou fundar. Os traballos de construción comezaron en 1880 e en 1886 é inaugurado por Dionisio Barreda, o seu primeiro director. Tamén se inaugura en 1887 a Escola de Nenas, construída sobre o solar da casa natal do noso filántropo.

O edificio que alberga o instituto é de estilo ecléctico de cantería de granito. Na fachada destaca a torre do reloxo. Na súa interior conta cunha importante biblioteca e a capela onde se atopa o mausoleo de mármore branco do fundador. Nos exteriores, a caseta do garda e o fermoso xardín botánico que é en si mesmo unha clase de natureza. Completa o conxunto o monumento de Fernando Blanco.

Nas primeiras décadas do século XX máis da metade da poboación era analfabeta e a falta de asistencia a clase dos nenos sempre foi un dos maiores obstáculos para o desenrolo social e cultural de Galicia. O proxecto de Fernando Blanco de Lema non foi unha experiencia illada. Entre os anos de 1904 e 1936 constituíronse en América unhas 400 Sociedades Galegas de Instrución, a maioría delas en Cuba e Arxentina, que abriron e financiaron aproximadamente uns 225 colexios en toda Galicia, equipados con moderno material didáctico.

O programa escolar combinaba unha educación humanista e científica co ensino de materias prácticas necesarias para o desenvolvemento económico da comarca: contabilidade, comercio, idiomas, etc., ademais de prestar unha especial atención ás clases de agricultura, música e debuxo. Entre este tipo de ensinos aplicados habería que destacar a aprendizaxe da mecanografía, disciplina que se imparte por primeira vez en Galicia neste centro.

Ademais do instrumental científico e didáctico destinado ao ensino das diversas materias, do Gabinete de Física, do Gabinete de Historia Natural e do Laboratorio de Química, o centro destacou pola grandiosidade do seu xardín botánico, no que estudar os principios prácticos da agricultura e da propia botánica, e pola súa coidada biblioteca que, en 1918, contaba xa con 2000 volumes. A biblioteca contaba con numerosas subscricións a revistas de divulgación educativa e científica, e poucos anos despois da inauguración da Escola, abriuse a toda a poboación de Cee, nunha nova iniciativa da Fundación para estimular o desenvolvemento educativo da vila.

En pouco tempo, a poboación acostumouse ver no Colexio algo próximo e familiar, algo propio, e o edificio, coa súa magnificencia e os seus exóticos xardíns, converteuse nun punto de referencia obrigado para calqueira actividade social que se desenvolvera na localidade. Sen dúbida, este fora o obxectivo último de Don Fernando Blanco: fornecer á vila que o viu nascer dun eficaz instrumento de prosperidade social e dinamización.

A preocupación sanitaria da Fundación tivo especial relevancia na epidemia de viruela do ano 1888, causante de 53 mortes, e nas febres tifoideas que anos despois arrasaron a poboación. A Fundación puxo ao dispor dos médicos municipais os medios necesarios para sufocar a epidemia, mentres que varios mestres do Colexio percorrían as súas rúas buscando, illando e eliminando focos de infección.

Así, no ano 1887 instalábase no Colexio a primeira estación telefónica interurbana da vila. A localidade comunicábase así coa estación telegráfica de Corcubión e, a través desta, con toda España. Este espírito que procuraba axuntar o uso dos últimos adiantos do progreso coa contribución ao desenvolvemento inmediato da vila foi unha constante no quefacer cotián da institución.

O ideal da Fundación non se limitaba ao tradicional labor educativo, se non que tiña a alentadora determinación de fomentar un desenvolvemento integral do ser humano, e para iso consideraba imprescindible o cultivo dun certo gusto estético. Froito desta filosofía idealista, a Fundación foise facendo cunha máis que meritoria colección artística que se iniciase anos antes da propia construción do Colexio, entre os que destacan os 17 cadros de distintos pintores (8 de Federico de Madrazo) e a propia Capela do Colexio, onde repousan, en sepulcro de mármore branco, os restos do filántropo ceense.

O que fai de Cee e do seu colexio unha realidade educativa absolutamente diferenciada é o feito de que nel impartísese o segundo ciclo de ensino secundario, o que conleva a existencia das cátedras científicas (Física, Química e Historia Natural) e a necesidade dun material didáctico específico, custoso e que require locais adecuados. O Colexio de Cee cumpría todos eses requisitos e moitos deses materiais podémolos ver no Museo da Fundación Fernando Blanco de Lema.

Facebook
Twitter
LinkedIn