Como xa vos contamos, Urraca Fernández de Traba era neta de Pedro Froilaz de Traba, un dos protagonistas do noso Camiño do Conde, pertencentes á familia máis influente de Galicia nos séculos XII e XIII: os Froilaz-Traba.
Pedro Fróilaz de Traba foi un personaxe fundamental na historia de Galicia, principalmente porque foi o encargado da educación do futuro rei Alfonso VII e pola súa colaboración co bispo Gelmírez na política galega da época. Dominaba Trastámara, o territorio comprendido entre o Atlántico e o Tambre, desde Noya a Pontedeume. A familia Froilaz-Traba fundaron ou patrocinaron os principais mosteiros e igrexas da época.
O bispo Gelmírez foi consagrado bispo de Compostela en 1101, cando gobernaban en Galicia Raimundo de Borgoña e dona Urraca. Raimundo tiña unha gran influencia na Corte de Castela, e máis aínda en Roma, o que axudou a Gelmirez a facer de Compostela unha das igrexas metropolitanas de España, independizándose da de Braga en 1102.
A esa boa relación co bispo Gelmírez hai que sumar á realeza. En 1105 Raimundo de Borgoña e a súa esposa Urraca, filla de Alfonso VI, confiáronlle en 1105 a educación do seu fillo Alfonso Raimúndez, futuro Alfonso VII. En 1107 falece Raimundo e, nese momento, o liderado en Galicia de Pedro Froilaz é total e sen intermediarios, asinando documentos como conde de Galicia.
Urraca, falecido tamén o seu pai Alfonso VI, miraba xa polo seu destino á fronte dos territorios da coroa de León e, necesitada de apoios, casou con Alfonso I o Batallador, rei de Navarra e Aragón. Este fíxose dono de Castela e de León, provocando a inmediata reacción de Pedro Froilaz que, aglutinando todo o máis selecto da nobreza galega e apoiándose no testamento de Alfonso VI, proclamou como rei de Galicia a Alfonso Raimúndez en 1109.
En 1110 tropas castelás, leonesas e aragonesas mandadas por Alfonso o Batallador invadiron Galicia, vencendo en Monterroso ao exército galego de Pedro Froilaz. A violencia das tropas do aragonés restoulle apoios en Galicia, permitindo a Pedro Froilaz recuperarse e, en tres meses, volverse a facerse co control de Galicia expulsando ás forzas invasoras.
O 17 de setembro de 1111 co seu apoio efectuouse a unción e coroación na catedral de Santiago, por mans de don Diego Gelmírez, do príncipe don Alfonso (futuro rei Alfonso VII). A cerimonia efectuouse con gran solemnidade. Nela o conde don Pedro fixo de reposteiro maior, o seu fillo don Rodrigo de Alférez de portador das armas reais, o seu fillo don Bermudo de escanciador, e o seu xenro don Munio presentou ao Rey os manxares.
A partir dese momento Pedro Froilaz pasou de ayo a mordomo real e, dada a curta idade do novo monarca, a rexente dos destinos de Galicia. Nese momento, entraba en crise o matrimonio entre Urraca e Alfonso de Aragón, polo que Pedro Froilaz púxose á fronte das súas tropas para levar ao seu protexido á cidade de León. Pero os aragoneses saíron á altura de Astorga ao encontro da expedición e derrotaron ás tropas galegas na encarnizada batalla de Viadangos. Pedro Froilaz foi feito prisioneiro e tivo que pagar un rescate pola súa liberdade. Urraca volvería reconciliarse co seu marido, razón pola cal Gelmírez e Pedro Froilaz entenderon que era preciso un entendemento coa raíña para manter a súa poder e o seu dominio en Galicia.
Durante os anos seguintes son continuos os encontros e desencontros entre Pedro Froilaz e Urraca, que buscaba apoios entre a burguesía das cidades, e que tiveron a súa máxima expresión no asedio do Castelo de Sobroso, onde se refuxiaba Urraca, por parte de Pedro Froilaz e os seus amigos portugueses. Urraca conseguiu fuxir para León e deixaba o reino de Galicia ao seu fillo Alfonso.
En 1116, roto definitivamente o matrimonio entre a reina castelá e o rei aragonés, os Traba sabían que para asegurar a sucesión de Alfonso Raimúndez en todos os reinos da coroa leonesa era preciso entenderse con Urraca. Trouxeron novamente á raíña a Santiago, onde foi recibida por Gelmírez. Os burgueses sentiron traizoados pola raíña e levantáronse violentamente. Gelmírez tivo que fuxir disfrazado, ascendendo polos tellados da asediada catedral. Urraca foi espida e aldraxada na praza do Obradoiro. A rebelión compostelá semellaba triunfar, ata que as tropas de Pedro Froilaz apareceron polo Monte Pedroso, ameazando con entrar a sangue e lume na cidade. Os burgueses arrepentidos pediron clemencia.
As consecuencias non se farían esperar: Urraca recoñeceu plenamente os dereitos sucesorios de Alfonso Raimúndez. Pedro Froilaz levouno a Toledo onde, en 1117, foi recoñecido como rei. A partir dese momento, consolidouse a posición de Pedro Froilaz como conde de Galicia ata o seu falecemento en 1128.
A tumba de Pedro Froilaz de Traba atópase na Capela dos Reyes da Catedral de Santiago. Na escultura xacente podemos ver a un conde de idade avanzada, vestido con armadura e cunha gran expresividade no rostro.
A familia Froilaz caracterizouse por ser moi numerosa nestas primeiras xeracións. Pedro Froilaz tivo 13 fillos que, combinados nunha eficaz política matrimonial, asentounos na elite durante todo o século XII e parte do XIII. Nomes como Fernando Pérez de Traba e Gonzalo Fernandéz de Traba continuaron sendo Condes de Galicia e, por poñer algún exemplo, dous das súas netas casaron con Fernando I de León e Alfonso Enríquez de Portugal.
Pero nesta alta Idade Media, ao contrario que o que sucedeu posteriormente co morgado, a herdanza repartíase entre todos os irmáns. Isto, sumado ás doazóns realizadas polos seus descendentes a máis de 40 mosteiros e igrexas, provocou que a familia se fose diluíndo e o seu patrimonio disgregando ata que, a mediados do século XIII co falecemento de Rodrigo Gómez, o apelido e a saga dos Froilaz-Traba desaparecera.
Pero non é así do todo e no seguinte post veredes parte da súa descendencia.