Museo-Fundación Fernando Blanco de Lema
En 2001 abriu as súas portas o Museo-Colección da Fundación Fernando Blanco de Lema, situado na antiga Escola de Nenas. O museo permite coñecer e utilizar didácticamente o patrimonio histórico-científico formado polo instrumental científico e o material didáctico das antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee.
Xunto a este material, o máis numeroso e que conforma unha unidade diferenciada, o Museo complétase co material didáctico doutras materias incorporadas ao currículo do centro ao longo da súa historia, coa documentación histórico-educativa do Colexio, e cos fondos pictóricos e artísticos da Fundación.
O Gabinete de Física constaba inicialmente de 277 aparellos, algúns deles moi novos na época, agrupados en 10 seccións: Instrumentos de Medida, Mecánica de Sólidos (Mecánica, Mecánica de Líquidos (Hidráulica), Mecánica de Gases (Pneumática), Fonología (Acústica), Termología (Calor), Fotometría (Óptica), Magnetología, Electricidade (estática e dinámica) e Metereología. Hoxe en día consérvanse case 200 aparellos en moi bo estado, constituíndo unha das máis valiosas xoias do patrimonio histórico-científico de Galicia.
O Laboratorio de Química constaba inicialmente de 25 instrumentos de cristal e vidro graduados, 200 instrumentos de vidro soprado, máis de 270 instrumentos de vidro común, 50 instrumentos de gres refractario, 50 instrumentos de porcelana e unha boa colección de montaxes completas para a práctica experimental. O material de vidro é de difícil conservación, e hoxe só podemos gozar dunha pequena mostra daquela riqueza.
O Gabinete de Historia Natural da Fundación Fernando Blanco de Lema constaba de preto de 400 exemplares de animais, entre os que se incluían esqueletos dos grupos máis representativos, máis de 2000 cunchas de moluscos, uns 500 minerais, outros tantos fósiles e case 1000 especies vexetais ordenadas en 9 herbarios. Desgraciadamente ata os nosos días só chegaron ao redor dun centenar de mostras, entre as que destaca a gran proporción de esqueletos. Tamén se perderon a colección de insectos, con máis de 2000 exemplares e as mostras conservadas en alcol (arácnidos, anélidos, etc). O que si podemos ver en perfecto estado é a colección de cunchas de moluscos.
Da colección inicial de minerais e rocas quedan uns 380 exemplares, non destacando estes especialmente pola súa calidade, o que nos fai supoñer, vendo a categoría das outras coleccións, que se perderon as mostras máis significativas.
A colección de fósiles mantense practicamente íntegra, e das 1000 especies vexetais, que conformaban os herbarios, consérvase un 90%.
Toda esta colección completouse cun esqueleto humano e un home clástico, adquiridos, como a maioría das pezas, en París, e que se conservan perfectamente. Existían tamén modelos anatómicos, frecuentes nos gabinetes da época, así como láminas para apoiar a explicación da materia.
En definitiva, un interesantísimo viaxe a un pasado non moi afastado e un recordo a Fernando Blanco de Lema, un home xeneroso no que todos nos deberiamos de fixar.
Máis información: http://museofernandoblanco.org/