Corsarios en Corcubión

A finais do século XVIII os ingleses e portugueses eran os reis do comercio marítimo ademais de inimigos acérrimos de España. É por iso que o rei Carlos IV decidiu conceder “patentes de corso” a diferentes mariñeiros da zona. A patente de corso era un documento entregado polo rei, polo cal o propietario dun navío tiña permiso da autoridade para atacar barcos e poboacións de nacións inimigas. Desta forma o propietario convertíase en parte da mariña do país. Grazas a esta actividade, naquela época Corcubión era un dos portos máis importantes na poxa de barcos apresados ao inimigo.

O edificio onde hoxe atópase o Restaurante Mar Viva foi a casa dun destes corsarios: Joaquín Agramunt. Un neto seu, o capitán José Agramunt foi un curtido mariño que, no último roteiro do seu barco O Trono, sufriu un motín a bordo co obxectivo de asasinalo. Tras recibir varios disparos, foi capaz de sobrepoñerse, abortar o motín e encerrar aos xefes ata a chegada ao porto de Almería, onde os entregou ás autoridades, falecendo pouco despois.

Outro dos corsarios de Corcubión foi Angel Escaja, que vivía nesta Casa de Carmen, pequeno edificio de 2 plantas hoxe reconvertida para o turismo rural.

A Escaja debeulle ir moi ben nas súas campañas porque, ao pouco tempo, vemos que constrúe a Casa da Balconada, que podemos ver un pouco máis adiante na rúa Perigos. Tamén construíu un almacén de mercadorías na Viña. Durante a invasión francesa significouse na defensa de Corcubión, contándose que choraba de rabia cando, desde as lanchas cañoneras, bombardeaba o seu propio almacén que estaba a ser asaltado polo inimigo.

Rematamos así este extenso paseo por un Corcubión cheo de historia e dirixímonos cara a Cee

 

 

Facebook
Twitter
LinkedIn