Paseo da Alameda de Cee

Chegamos así ao Paseo da Alameda, un espazo urbano ao redor do cal se articulan edificios construídos desde finais do século XVIII ata as primeiras décadas do XX.

A Casa Mayán é do século XIX e nela viviu o historiador e político Francisco Mayán, pioneiro na investigación histórica de Cee. No edificio de tres plantas podemos ver a configuración típica cos balcóns forxados e a galería de madeira. No lateral da casa ten un xardín privado tras un gran enreixado.

O edificio máis antigo da praza é a Casa Mosteirín, do século XVIII. Na fachada, toda de pedra e sen adornos, destaca o balcón de ferro forxado suxeitado por canzorros. No lateral que dá á rúa vemos a galería de madeira na última planta.

A Casa Guillén data do ano 1880, sendo de planta rectangular e cantería de granito ten tres pisos como o resto de edificios da praza. A fachada divídese en 4 partes, combinando un balcón central coas galerías de madeira.

No seu baixo houbo un almacén de sal e, posteriormente, a oficina dos Transportes Guillén, onde se expedían os billetes. Na actualidade podemos ver unha farmacia con soleira, que garda a esencia das antigas boticas. No seu interior podemos ver os albarelos, botes de cerámica onde os boticarios facían as medicinas.

Finalizamos este paseo pola praza na Casa de Lastres, xa máis moderna, construída en 1910 con catro alturas. Destacan os adornos florais da fachada cos tres coquetos balcóns de ferro forxado. Nas dúas últimas plantas, unha amplísima galería de madeira.

Facebook
Twitter
LinkedIn