Hórreo de Toba

E onde se almacenaba todo este cereal durante os húmidos invernos? Pois en estupendos hórreos de pedra como este hórreo de Toba tamén chamado Canastro de Caamaño.

A primeira representación gráfica dun hórreo aparece nas Cantigas de Santa María, de Alfonso X O Sabio.

Dise que en toda a Costa da Morte hai máis de 10.000 hórreos. No noso camiño veremos centos deles e aprenderemos a distinguir os seus tipos.

Tipo Noia 

    • Estreito e longo, sobre esteos baixos de pedra.
    • Cuberta de tella curva a dúas augas.
    • Construción pedra.
    • Elévanse sobre pés e con tornarratos individuais.
    • Con perpiaños con abertura en horizontal. Ten a mesma clase de construción nos penais que no resto do celeiro.
    • A cuberta a dúas augas, con tella do país ou pedra.
    • O maior número de exemplares esténdese desde Noia a Corcubion.

Tipo Fisterra

    • Estreito e alto. Esteos moi altos sobre zócalo de cachotería. Cuberta de tella curva a dúas augas.
    • Construción pedra.
    • É o máis rustico de todos, construídos en pedra. Esta vai colocada sen tallar e superposta, non conservando nin dimensións nin formato algún.
    • Elévase sobre pés, con tonarratos individuais.
    • A cuberta a dúas augas con tella do país.
    • Atopamos estes exemplares desde Muros a #Finisterre e _Dumbria.

Tipo Ponteceso

    • Construción en pedra.
    • Elévanse sobre celeiros dunha ou dúas planta, son anchos cun corredor central e ao outro extremo da porta, unha xanela.
    • Tornarratos estilo mesa.
    • Aberturas de ventilación en horizontal.
    • A cuberta a dúas augas, con tella do país ou plana
    • Esténdese pola zona de Ponteceso.

Tipo Coristanco

    • Construción pedra.
    • Elévase sobre celeiros e outros exemplares sobre pés.
    • Os penais feitos con pezas de cantería e entre elas laxas de pedra, formando unha cruz, o resto do celeiro, de laxas cunhas pequenas pezas que as separa entresi.
    • A cuberta a dúas augas e tella do país.
    • Esténdese desde Coristanco a Malpica.

Tipo Carballo

    • Construción pedra.
    • Elévase sobre cepas ou celeiros, con tornarratos estilo mesa. Son anchos e teñen un corredor central, colocando as colleitas nos laterais.
    • O corpo do celeiro con aberturas en horizontal.
    • A cuberta dúas augas, con tella do país.
    • Esténdense pola zona de Bergantiños.

Tipo Bergantiñán de madeira (comarca de Bergantiños).

    • Cámara ancha, curta e alta.
    • Cepas de cachotería e cuberta de tella a dúas augas.

O Hórreo de Toba é de tipo Fisterra con trece pares de pés cos correspondentes tornarratos sobre a que se asenta a cámara, con dúas portas nun lateral e cuberta con tella do país. No vértice das sobrepenas vemos a cruz e o pináculo típico destas construcións.

Facebook
Twitter
LinkedIn