Fundación José Carrera

José Carrera Fábregas naceu en 1857 no seo dunha familia acomodada pero foi un dos moitos corcubioneses que no século XIX, tras o ataque dos franceses e as continuas epidemias que arrasaron a poboación, tomou o camiño da emigración a Arxentina. Alí foi prosperando ocupando postos de importancia en banca e seguros ata chegar a posuír unha considerable fortuna. Parte dela xa a investiu en sociedades de beneficiencia en Arxentina, que coidaban e axudaban nos seus primeiros pasos a toda a colonia de habitantes da Costa da Morte, que por aquela época era notable.

José casou con Clotilde Salomone sen obter descendencia, En 1901 o matrimonio fixo unha viaxe a Corcubión onde doou un púlpito gótico de 4 metros á igrexa, continuando a súa viaxe por varias cidades europeas. José Carrera falece en Buenos Aires en 1918 aos 61 anos de idade. No seu testamento establece que se constrúa en Corcubión unha escola de artes e oficios co nome Fundación José Carrera.

Tras uns problemas iniciais coa viúva, que chega a anular o testamento e deixar sen efecto as últimas vontades do seu esposo, finalmente realiza unha doazón para cumprir o propósito.

No ano 1931 inaugúrase o colexio que hoxe podedes ver con tres corpos. O central para a capela e vivenda do mestre e os laterais para as aulas. Na súa grande escalinata están sacadas moitas fotos conxuntas dos corcubioneses.

En definitiva, José Carreiras, como Fernando Blanco de Lema de Cee, foron uns filántropos que, despois de sufrir o desarraigamento da emigración, investiron as súas fortunas no mellor que as podían investir: na educación dos seus conveciños.

Facebook
Twitter
LinkedIn